domingo, 22 de setembro de 2019

Benvid@s á " Cinema Wabisabi"

Ola a tod@s, ao fin estreamos o blog "Cinema Wabisabi". Xa explicamos en clase o por qué da elección do nome e durante o curso iremos colgando artigos e reportaxes que den razón desta escolla. Brevemente,  Wabisabi fai relación co concepto xaponés da "beleza da imperfección". As características da estética wabi-sabi inclúen a asimetría, a rugosidade, a simplicidade, a economía, a austeridade, a modestia, a intimidade, e a apreciación da xenuína integridade dos obxectos e dos procesos naturais. "Wabi-Sabi é a beleza das cousas imperfectas, impermanentes e incompletas, a belaza das cousas modestas e humildes, a beleza das cousas non convencionais.” Penso que todas elas son características que poderíamos aplicar perfectamente ao cinema feito por moz@s. Un cinema imperfecto, mais fermoso polo que ten de auténtico e verdadeiro.
Pretendemos amosar as creacións dun fato de mozas e mozos que utilizan a imaxe audiovisual como xeito de expresión artística. Estades tod@s invitad@s a participar non só coa creación de contidos, senón tamén en mellorar a aparencia, engadir algún logo ou deseño orixinal, facer comentarios e recomendar filmes, vídeos, libros, cómics, poesía ou música, o que queirades. Podedes modificar o deseño, engadir seccións e novos apartados..etc... Calquera cousa que se vos ocorra. Estaría moi ben que este blog fose un expoñente do que anda polos miolos dun grupo de artistas emerxentes que viven en Ferrolterra. Eu tamén prometo participar en pé de igualdade, coas miñas opinión e aportacións que agardo sexan de utilidade.
Unha aperta agarimosa para tod@s.

Ningún comentario:

Publicar un comentario