luns, 24 de febreiro de 2020

Cinema "ferrolán"

Estades moi liad@s cos exames, mais o venres tedes unha cita:
Coa vontade de apoiar o talento local, convidamos a DUPLEX Cinema catro cineastas de Ferrol que veñen desenvolvendo unha interesante carreira nos últimos anos. Son Rubén Coca, Carlos A. Quirós, Cristina Esteiro e Sandra Sánchez. Parte da súa obra poderá verse o venres 28 de febreiro ás 20:30 horas, nun pase no que estarán presentes e compartirán co público as súas fitas. Esta sesión especial de curtas ten un prezo xeral de 2,50 euros, mentres que as persoas abonadas entran por 2 euros.
Rubén Coca: Tras varias curtametraxes, Notamotof (2004) pono no mapa cunha ampla selección en máis de 50 festivais. Entre as súas curtas máis destacadas atópanse La princesa alegría (2008) e Mínimo común múltiplo (2008). Inquedo e polifacético, Rubén Coca tamén produce en 2009 a peza de animación La niña que tenía una sola oreja, con ilustracións de Víctor Coyote; así coma o documental Roger de Flor: naturalidade silvestre (2010). Desde 2007 dedícase ademais á xestión cultural (sala Súper 8) e aos comentarios cinematográficos en diversos medios. De feito, ten unha estreita relación co noso cinema, onde programa os ciclos 'Ferrol de Cine: Primavera, Outono e Inverno de Cine' durante os anos 2008 e 2011. Actualmente colabora coa SER e a COPE, desde a que fala semanalmente das nosas estreas.

Notamotof

A vida dun home cambia unha noite despois de facerse unhas fotos coa súa noiva nun fotomatón.

Mínimo común múltiplo

O MÍNIMO COMÚN MÚLTIPLO  de A e B é o menor dos múltiplos comúns de A e B, é dicir, é o menor elemento do conxunto M (A, B) composto por infinitos elementos.
Cristina Esteiro e Carlos A. Quirós levan unha década a traballar no audiovisual desde a súa produtora Cuerda Floja. Con ela produciron curtametraxes como Os pioghosos (2011), A vinganza é un sentimento curioso (2012), Por un puñado de euros (2015) ou A bizcochada (2015), amais das pezas incluídas nesta sesión. Tamén realizan habitualmente videoclips e outro tipo de creacións audiovisuais.

Ferrol mola

Na aburrida cidade de Ferrol, o grafiti dun divertido macaco amarelo adorna as deterioradas fachadas das súas rúas máis decadentes. O famoso monicreque, que sempre parece estar de bo humor, acompaña unha curiosa mensaxe de gran optimismo: Ferrol mola.

Mbook: O libro mecánico de Ángela Ruiz Robles

A ferrolá Ángela Ruiz Robles patentou na metade do século XX un libro mecánico co propósito de alixeirar a carga das mochilas que nenas e nenos levaban á escola. Dona Angelita anticipou a chegada dos dispositivos dixitais, mais o seu principal obxectivo non se conseguiu en absoluto.
Sandra Sánchez é sobre todo coñecida pola súa longametraxe documental Tralas luces, sobre a vida de varios feirantes, que foi presentada en multitude de festivais como Donostia e obtivo 8 nominacións aos premios Goya. Ten dedicado boa parte da súa carreira ao cinema de non ficción, mais tamén conta cunha longa traxectoria en televisión e como montadora, con compañeiros como Xavier Bermúdez, Manane Rodríguez ou Ángeles Huerta. A nena azul é a súa última curtametraxe.

A nena azul

Sira, unha nena de oito anos, filla dun percebeiro furtivo da Costa da Morte, foxe da escola e refúxiase nunha solitaria praia, na procura do seu pai. Alí ten un misterioso encontro con alguén que parece ser o seu propio espello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario