Cinema Wabisabi


Wabi-sabi é un termo da estética tradicional xaponesa que se refire á “beleza da imperfección”. É unha visión do mundo centrada da aceptación da fugacidade e da imperfección. Esta estética é descrita como a beleza do que é "imperfecto, non permanente e incompleto”. As características da estética wabi-sabi inclúen a asimetría, a rugosidade, a simplicidade, a economía, a austeridade, a modestia, a intimidade e a apreciación da xenuína integridade dos obxectos e dos procesos naturais. Consideramos que esas tamén son características do cinema feito polos adolescentes. Un cine imperfecto, no que se poden agromar as costuras e as deficiencias tecnico-formais, mais que é un cinema auténtico e verdadeiro porque sae do seu corazón.
.
O cinema wabisabi non pretende crear cineastas, senón cidadáns críticos que utilizan as imaxes como un soporte mais para a súa expresión libre e de enorme incidencia real na súa “vida dixital”. Tampouco pretende producir filmes para festivais. Esa non é a función da escola, senón a escrita individual de textos visuais – moitos deles borradores imperfectos- mais que expresan a súa mirada sobre o mundo. E un cinema que non precisa de orzamentos, nin equipos de produción complexos ou organizarse segundo as regras da industria cinematográfica. Cada alumno dispón da súa propia ferramenta (o mobígrafo) e produce textos visuais propios nun contexto democrático e participativo. O alumnado debe camiñar na procura da súa mirada. Os temas son libres, o único corsé é a forma ou o estilo da historia do cinema. E podemos velo nos seus filmes: a igualdade de xénero, a liberdade sexual, a contaminación, a adicción ás drogas, a familia, a soidade..etc. Vendo eses borradores imperfectos, achegámonos ao seu mundo interior bastante mais rico e complexo do que nos debuxan os medios de comunicación.

TEMARIO CINEWABISABI (“De Mayor Crea”)
3. Moverse: De Welles a Sokurov


O profesor: Din que xa son moi veterano nisto do audiovisual nas aulas e debe ser verdade, porque comecei hai 36 anos neste choio. Mais tamén sei que sigo a ter a cabeza e o corazón arredor da xente nova, coa que convivo varias horas cada día no Instituto, tentando converter o móbil nun bolígrafo e a rede nunha xanela aberta para partillar todos os universos posibles do cinema e da expresión audiovisual. E non hai día que non aprenda algo novo dos mozos e mozas cos que comparto o devalar do tempo no IES Concepción Arenal de Ferrol"

2 comentarios:

  1. Isto é ensinar e aprender. Nada que ver o que se adoita a facer nas aulas. Se a maioría dos mestres obrasen así, o mundo sería distinto. Non me cabe dúbida.

    ResponderEliminar
  2. Isto é unha alfaia. Moitas grazas.

    ResponderEliminar